CCCV Cineclube Carlos Varela (super8 transferido a mini-dv, 67', 2005)

En agosto de 2005 fixo vinte e cinco anos da desaparición de Carlos Varela Veiga,
“salvo algún traballo do cineasta Carlos Velo, o único realizador galego de cinema
militante” (Xosé Paz Rodríguez). Cineclubista de base na animación e na dirección do
cineclube Valle-Inclán de Lugo dende 1971 e logo cineasta, admirador de Joris Ivens,
Eisenstein, Dovjenko, Santiago Álvarez, Dziga Vertov, Jorge Sanjinés.
Carlos percorreu Galiza enteira detrás da súa cámara de cinema para facer a crónica
do movemento nacional-popular galego, mais deixou tamén unha estela exemplar no
eido da fotografía, na cerámica, no debuxo, no deseño gráfico, no mural, no traballo
cos tapices; elaborou o anteproxecto de estatutos para unha futura Federación de
Cineclubes de Galiza en 1977 (que tomou forma definitiva en 1984), fundou e dirixiu
en 1975 'Nós Cinematográfica Galega' e deseñou o anagrama desta sociedade que,
nos seus estatutos fundacionais, defendía a “incorporación á cultura galega do
fenómeno cinematográfico en todas as súas manifestacións”.
Nun tempo en que en Francia o maio de 1968 se filmou en 16mm., en que no propio
1977 de Xove, Baldaio e a loita contra a cota empresarial, Llorenç Soler veu dende
Cataluña gravar, tamén en 16mm., 'O monte é noso' ou 'A autoestrada, unha navallada
á nosa terra', Carlos Varela non deixou que a falta de medios materiais lle impedira a
urxencia de rexistrar no seu modesto súper8mm. a loita dun pobo por se liberar da
opresión colonial exercida polo centro estatal, primeiro, e polo centro mundial ao tempo.
Filmando, facía bo o Godard do outono de 1978 : “É a realidade: faise o que se pode,
non o que se quere. Emporiso, téntase facer o que se quere co poder que se ten (...)
e iso non significa en absoluto pregarse, ben ao contrario, significa reforzarse e
flexibilizarse”.

Texto tirado da nota de prensa de CCCV (agosto 2005)

estrea
XIX Festival da Poesía do Condado (Salvaterra de Miño, setembro de 2005)
proxeccións
Cineuropa (Santiago de Compostela, novembro, 2005)
CGAI (A Coruña, 2006)
Festival Latinoamericano de la Clase Obrera (FELCO ‐ Bolivia, 2006)
Festival de Cine Pobre Santiago Álvarez (Cuba, 2006)
Filmoteca Université Paris VII ­‐ Sorbonne Nouvelle (París, 2006)
Cineclube de Compostela (Santiago de Compostela, 2007)
Filmoteca UNAM (México, 2007)
CCCB. Exposición En Transició (Barcelona, 2007-­ 2008)

Artigos sobre o filme:
-"Cineclube Carlos Varela" (Iván G. Ambruñeiras) [español]
-"Cineclube Carlos Varela" (Xabier Cordal) [galego]
-"na memoria de Carlos Varela Veiga: Lugo, 1945 - Malpica, 1980" (Ramiro Ledo Cordeiro) [galego]

Material gráfico:
cartaz
tríptico
dvd (careta e galleta)