(Galicia Hoxe, Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2010)
Contra o noso tempo
Ramiro Ledo presenta "O proceso de Artaud", un filme que evoca
o desaxuste entre a lei e a xustiza a partir de imaxes de
"A Paixón de Xoana de Arco" de C.T. Dreyer
"Vermos hoxe La passion de Jeanne d"Arc ponnos diante dun
tribunal medieval, e fainos pensar no pouco que mudou a posta
en escena dos xuízos desde hai case seiscentos anos". O realizador
Ramiro Ledo (Lugo, 1981) reflexiona deste xeito no libro
Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural, sobre o filme
de C.T. Dreyer que alicerza o seu último traballo, O proceso de Artaud,
unha curtametraxe que presentará mañá xoves, ás 21:30 horas, no
Cineclube de Compostela, no Pichel, na rúa de Santa Clara.
Ledo emprega nesta película imaxes de La passion de Jeanne d"Arc
de C.T. Dreyer, ás que confire un novo significado a través da memoria
do escritor e actor Antonin Artaud (Marsella, 1896-París, 1948).
"Supoño que parte da forza do filme, se posúe algunha, dependerá do
que a cadaquén lle evoque a forma "tribunal" e o pouco que esta mudou
no seu esquelete dende a Idade Media, até ultrapasar mesmo as paredes
da institución xudicial. Foi isto o que me chamou a atención antes de me
pór a facer o filme. Na historia do cinema o desaxuste entre a lei e a
xustiza é un tema abondo recorrente, desde O mozo Mr. Lincoln de
John Ford até o último Godard de Film Socialisme", explica Ledo. O
realizador xa traballara con imaxes doutro cineasta no seu proxecto
Cineclube Carlos Varela (2006), no que recuperaba as filmacións en
Super 8 que este realizara no tardofranquismo.
"Desta volta, e a diferenza de CCCV, que partiu da curiosidade persoal
por un material que non vira pero que me interesaba antes de que se
me ofrecera a oportunidade de traballalo, O proceso de Artaud é moito
máis azaroso. O filme de Dreyer non o volvín ver desde que o proxectaramos
no cineclube en 2003, nunha copia nova en 35mm., e porén a súa memoria
debía estar viva porque me veu por acaso á cabeza ao me cruzar, sen
procuralo, coas actas da xuntanza do grupo surrealista do 23 de novembro
de 1926, na que se produce a exclusión de Antonin Artaud", comentou.
"Nesa altura viña de ler o Hölderlin e A indagación, de Peter Weiss, e
estaba moi interesado pola metodoloxía de traballo do escritor alemán.
Pola súa maneira de propor novas situacións nas que personaxes e
historias coetáneas se ven enfrontadas para dende aí xerar novas
tensións, no primeiro caso, ou por trasladar literalmente un proceso
xudicial contra os responsábeis do campo de Auschwitz, a partir das
crónicas da prensa de 1965, a unha obra de teatro en forma de
oratorio en 11 cantos", engadiu.
A relación co presente
A película de Dreyer é, para Ledo, un filme feito contra o seu tempo.
"Á pregunta Que ten a ver isto comigo? calquera filme, se ten algo que
dicirnos, faráo na relación que estabeleza entre o presente do filme e
o presente do intre en que se proxecta. Por iso é posíbel relacionarmos
A paixón de Xoana de Arco ou, como ben souberon ver Danièle Huillet e
Jean-Marie Straub, o filme de Griffith de 1909 sobre o monopolio do comercio
do trigo A Corner In Wheat co noso tempo, porque van contra el", di.
Montse Dopico
artigo publicado en Galicia Hoxe