(Central Unitaria de Traballadores CUT, Vigo, novembro de 2010)
Filmar a Historia
Co convite da CUT de Vigo para presentar a curtametraxe
O proceso de Artaud (2010) e, máis adiante, CCCV-Cineclube
Carlos Varela (2005), veume a encomenda de artellar unha
escolma de filmes para proxectar cada semana durante
tres meses. A condición foi que o Cineclube de Compostela
tivese os filmes no seu fondo para poder dispor de copias
subtituladas ao galego en tanto fora posíbel. Velaquí:
Este programa camiña entre dúas saídas da fábrica: de marzo
de 1895, cando a primeira versión da Sortie de l’usine Lumière
à Lyon, a 2008, o ano en que Sharon Lockhart filma nos
Estados Unidos a saída dos operarios da factoría de aceiro
de Bath, en Maine, durante unha semana do mes de xullo.
Tamén, a dos traballadores de Can Ricart, no Poblenou de
Barcelona, inseridos no proceso de reconversión industrial
e de recualificación urbanística da zona para novos usos que
o goberno da cidade impuxo co plano 22@ en Fragmentos de
una fábrica en desmontaje.
Polo medio, trata de apalpar nas fírgoas do século xx para
abrir algúns dos puntos de conflito que o configuraron e
dende eles pensar o noso tempo: o movemento sindical
(2084 e The Empty Centre), a esquerda nos Estados Unidos
dos sesenta: os Black Panthers (1PM–One Parallel Movie),
a especulación monopolística no agro (A Corner In Wheat),
a persecución e eliminación sistemática de comunidades
humanas por motivo de orixe e extracción social (Fortini-
Cani; Respite; Europa, 2005, 27 octobre), a aprendizaxe (En
rachâchant, Herman Slobbe-Blind Kind II, Intervista-Finding
the Words), a vida na RDA antes e logo do derrube do muro
(Material), a folga e a autoxestión (La reprise du travail aux
usines Wonder, Númax presenta), o transporte e a venda do
carbón en China (L’argent du charbon) ou o duplo ollar sobre
e dende a emigración (Bs.As.).
Pairando sobre o século, o filme como obra total: Le fond de
l’air est rouge. Por traxecto, o percorrido do barco de At Sea,
que confronta a produción dos estaleiros de Corea do Sur co
despece a man dos buques en Bangladesh, amósanos como
un mesmo xesto conforma o capitalismo de escala global:
tecer nun sitio para destecer noutro.
Ramiro Ledo Cordeiro