(proxectoderriba.org, Galiza, decembro 2012) ISSN: 1988-9089

VidaExtra: notas de presentación para un proxecto de filme

VidaExtra xorde por dous camiños que se me impoñen xuntos no irromper
dunha folga xeral: a novela de Peter Weiss, Die Äesthetik Des Widerstands,
que naquela altura me acompañaba, e maila reocupación por un grupo de xente
do edificio do Banco Español de Crédito, que abrangue unha metade da cara
noroeste da Plaça de Catalunya de Barcelona, a véspera da folga xeral do 29
de setembro de 2010.

Aoutra ocupación dese mesmo edificio, cando se chamaba Hotel Colón, executouna
a poboación de Barcelona leal ao goberno republicano cando cercou dentro os
últimos militares golpistas e recuperou a cidade o 19 de xullo de 1936 ás catro
da tarde. O Hotel Colón pasou a ser a sede do PSUC (Partido Socialista Unificado
de Catalunya, os comunistas cataláns) durante a Guerra Civil.

Dalgún xeito, os distintos colectivos e anónimos agrupados no “Moviment del 25″
(pois o edificio foi xa ocupado o 25 de setembro de 2010), estaban a repetir 1936.

Na novela de Weiss, o narrador protagonista, alistado nas Brigadas Internacionais,
entra en tren a España por Barcelona camiño de Cueva La Potita, Albacete, e
unha tarde de 1937, após quedar fascinado pola Sagrada Familia, volve á Plaça
de Catalunya e detense diante do Hotel Colón “cuxo portal estaba flanqueado
por dúas faixas desde as que un Lenin carraxento ollaba como sorría o seu
Secretario Xeral”.

Esa noite de 2010, as dúas estatuas que flanqueaban a porta de entrada
estaban vestidas de festa. Nas paredes do edificio líase en grande “Isto non
é crise, chámaselle capitalismo”.

VidaExtra comeza no interior do Hotel Colón, a principios do século XX. A
través de fotos e postais da época visitaremos os seus salóns modernistas,
a nova fachada novecentista e sairemos á Plaça de Catalunya mediante unha
sucesión de imaxes que nos levan de 1902 a 1940, cando comeza a construírse
o que xa será Banco Español de Crédito na España gobernada polo fascismo.
Unha imaxe da fachada do Hotel Colón en 1937 lémbranos a súa ocupación durante
a Guerra Civil e guíanos cara á súa reocupación en 2010.

Sobre a fachada dos grandes almacéns “El Corte Inglés”, ao pé do edificio ocupado,
proxéctase dende a asemblea un cartaz: “Xa é folga en El Corte Inglés”. Nese
edificio tiña pousada o protagonista de Die Äesthetik Des Widerstands, en 1937
Hotel Victoria, onde se xuntaba a recadación dos servizos públicos socializados
baixo administración da CNT-FAI. E ese cartaz sobre a fachada do centro comercial
enlaza co fragmento da novela de Peter Weiss, cando o seu protagonista percorre
estes espazos.

Para manter o concepto formal da novela, estruturada en longos bloques sen
puntos aparte, este fragmento desenrólase na pantalla en forma de bobina de
texto en continuidade, e faise visíbel por medio dunha caixa de luz, a través
dunha pequena ventá recortada na pantalla que nos centra no que imos lendo.

Achegámonos de a pouco dende a praza ao interior do edificio, onde vai dar comezo
a asemblea.

A parte visual é apenas materia que tenta abrollar dende o corazón do edificio
e impide a identificación dos intervenientes. A atención desprázase á banda de son,
onde se libran as discusións. No programa: a organización de piquetes para afrontar
a folga xeral do día seguinte, a utilización dese espazo durante os días vindeiros, a
discusión de propostas encamiñadas á reapropiación da vida cotiá.

Xa na casa, o que se falou esa noite confróntase co cotiá dos personaxes que
protagonizan o filme: cinco amigos anónimos que xa non son nin adolescentes nin
militantes comunistas, coma os personaxes da novela, pero que tentan porén
arrepoñérselle ao estado de cousas coma os que protagonizan o libro de Weiss:
o narrador, Hans Coppi, Horst Heilmann, Karin Boye ou Charlotte Bischoff.

Barcelona, setembro de 2012

 

Ramiro Ledo Cordeiro

 

artículo publicado en Derritaxes

back