(Praza Pública, 01 de maio de 2013)

Ramiro Ledo preestrea a súa VidaExtra en Compostela

O Cineclube de Compostela proxectará este mércores a partir das 21:30 VidaExtra,
de Ramiro Ledo Cordeiro, que vén de ser estreada no BAFICI de Bos Aires e aínda
non se puido ver en Galicia. O propio director, un dos fundadores do Cineclube e
presidente até 2007, presentará o filme. En VidaExtra, a folga xeral de setembro
de 2010 crúzase en Barcelona con A estética da resistencia, de Peter Weiss. As
discusións desa noite hanse ver confrontadas co cotián dos personaxes que protagonizan
o filme: cinco amigos anónimos que xa non son nin adolescentes nin militantes comunistas,
pero que tentan porén arrepoñerse ao estado de cousas, coma no seu momento os
que protagonizan o libro de Weiss.

A través de dúas partes ben marcadas, a ocupación do Banco Español de Crédito en
Barcelona e unha conversa entre amigos nunha sobremesa, VidaExtraretrata as
incertezas dunha esquerda europea que, entre o movemento dos indignados e a
acción directa, busca novas estratexias de resistencia.Fronte a optimismos fáciles e
maniqueísmos, VidaExtranon é, como di o programador do BAFICI Fran Gayo, “un filme
simpático nin aleccionador, é unha obra implacábel e honesta, propia para tempos feroces”.

A maneira de filmar de Ledo, que tras CCCV O proceso de Artaud presenta por
primeira vez un filme realizado con material propio, destaca nestaVidaExtra por fuxir
dos convencionalismos da representación das imaxes, tanto na primeira parte ("Non
quería reproducir o mesmo tipo de imaxe que dunha asemblea vai empregar a policía
que sempre está presente. A pesar de que era unha asemblea pública non quería, por
exemplo, que as miñas imaxes servisen para despois identificar ás persoas que interviñan.
Cambiar a maneira de coller a imaxe, a maneira de representar algo que sempre se
representa igual"), como tamén na segunda, que impide que o espectador poida ficar
na simple identificación cunha ou outra personaxe para centrar toda a atención nos
argumentos e nas dúbidas propostas.

Nacido en Lugo en 1981, Ramiro Ledo fundou no ano 2001 o Cineclube de Compostela,
que presidiu até 2007. Dende aquela, vive e traballa en Barcelona,onde cursou un máster
de cinema documental na UAB e estudos sobre cinema contemporáneo na UPF. A entrada
é de balde, podendo adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube.

O vindeiro mércores o Cineclube comezará unha serie de tres filmes artellados arredor
da idea do diario filmado, que ocuparán as seguintes semanas. O primeiro deles será, o día
8 de maio,Reminiscencias dunha viaxe a Lituania (Reminiscences of a Journey to Lithuania,
Reino Unido/RFA, 1972), un documentario de Jonas Mekas que recolle a viaxe do director
de volta a Semeniškiai, a súa vila natal no país báltico.

 

artículo publicado en Praza Pública