("NÓS", Xornal de Galicia, A Coruña, xuño de 2009)

En 2003, con Ao oeste dos camiños de ferro, Wang Bing (Shaanxi, 1967)
marcou un punto e á parte no cinema documental. Precisou de catro anos
para rematar os tres bloques do filme: Ferruxe, Vestixios e Vías duran catro,
tres e dúas horas até facer nove. Bing percorre el só, coa cámara de vídeo
dun amigo, o distrito de Tiexi, en Shenyang, para narrar o esboroamento
material e humano da que foi a meirande zona industrial de China. Premiado
en multitude de festivais, fixo logo He Fengmin (2007), unha muller que
“dialoga co seu pasado desde o presente” e colle polo traveso a historia
chinesa dos últimos 70 anos durante tres horas; Brutality Factory, unha
curta para o filme colectivo O estado do mundo; unha instalación de 14 horas,
Crude Oil (2008) e está a rematar Hometown, o seu primeiro filme de ficción.

 

Wang Bing: "Nos meus filmes traballo de xeito moi tradicional"

O cineasta chinés presentou en Barcelona unha nova curta, Val feliz
(Xi Yang Tang), por encomenda do Centre de Cultura Contemporània (CCCB)
para o encontro “Cinergies”.

Estudou dous anos nunha escola de cinema...
Estudei primeiro fotografía na escola de Belas Artes, e cando rematei,
quería continuar a miña formación para encamiñarme nunha profesión.
Procuraba outras capacidades e escollín ser cameraman, fotógrafo de cinema.
Na altura non sabía moi ben que facer e isto permitíame continuar no que me
interesaba.

Penso que teñen algo en común a súa maneira de traballar e a de Pedro Costa:
o filme como un proceso continuo, o do cineasta a tempo completo.

En 2002 estaba a presentar o meu filme Ao oeste dos camiños de ferro
(Tiexi Qu)
e fun a Lisboa. Aló din con Pedro Costa e dende aquela estamos en
contacto. Polo que dis do método de traballo, penso que hai unha relación.
Ten que ver coa produción independente, coa maneira de producir os filmes
cada un. Os orzamentos están sempre moi axustados, cómprenos moito
traballo antes de o filme estar rematado.

Pensa que é necesario partir dunha idea que preceda a rodaxe, para que de
aí vaia abrollando a forma do filme?

Si que traballo así. Polo xeral, hai unha idea que precede antes de enfrontar
un tema. Antes da rodaxe fago un enorme traballo de preparación: busco as
localizacións, investigo e tento adaptarme psicoloxicamente, para que se produza
un intercambio a nivel de pensamento e de sentimentos co tema.

Uns anos atrás, tiña un proxecto de tres filmes diferentes ao redor de tres eixos:
os obreiros, os intelectuais e o campesiñado. Segue niso? Val feliz quere
pertencer ao terceiro tipo?

Sigo con iso na cabeza. En Val feliz traballo sobre o lugar no que viviu un escritor
ao que lle tiña moito aprezo, que morreu hai sete anos e que deixou unha novela
na que conta a súa vida cando el tiña trinta [Shen shi –A historia dos deuses-, de
Sun Shixiang]. É un moi bo libro, eu fun a esa aldea para lle render unha homenaxe.
Vou incluír esa novela nalgún dos meus filmes, pero non sei aínda como. Téñoo
sempre presente, pero non o dou concretado.
Val feliz pódese entender como un ensaio, unha nota, xa que fun aló para tomar
notas audiovisuais. Eses apuntamentos que vou recollendo sempre me serven
para traballar a idea, como fonte de inspiración nun momento dado.
Polo que respecta ao filme sobre os intelectuais, estou aínda a traballar con iso,
conto rematalo en dous ou tres anos. Poden acabar sendo dous ou mesmo tres
filmes sobre o tema, no que está incluído He Fengmin.

En He Fengmin¸a protagonista conta a súa vida con tal seguridade que semella
case unha novela, que a saiba de memoria. Como traballou con ela?

He Fengmin non está moi traballado de antemán. Eu quería facer un documental
con esa muller. Uns meses antes, por outros motivos, fun moito por casa dela:
xantabamos xuntos, falabamos, discutiamos, non necesariamente sobre o filme,
doutras cousas. Houbo un intercambio moi grande entre os dous durante meses
antes da rodaxe.
Ela conta a súa historia con moita seguridade, coma se for unha novela, mais
eu non a preparei para iso. Fala tan cómoda porque, ao se xubilar, comezou a
escribir decote sobre o seu pasado. Escribe contos, ensaios, notas. Fixo un
libro coa súa vida. Por iso cando fala, faino sobre algo que xa está moi organizado
e sobre o que xa pensou moito na súa escrita. A idea e o pensamento, cando xa
foron escritos, aparecen moito máis claros. O único que fixen eu foi rexistrar as
súas declaracións e transmitilas empregando outro soporte, o do cinema.

Crude Oil [unha proxección de 14 horas que estaba pensada para ser de 70]
lémbrame algo o traballo de Andy Warhol, cando dicía que nos seus filmes a
xente debería entrar e saír cando lle petase...

Polo xeral, traballo coma no cinema tradicional. Mais Crude Oil foi unha
encomenda do Festival de Rotterdam. Pedíronme unha videoinstalación e
así foi como traballei para ese filme. Non se pensou como un filme para
proxectar en salas. Mirándoo así si que se pode emparentar cos traballos de
Andy Warhol, do punto de vista da súa concepción para exposicións en museos
e galerías de arte. Pero o resto dos meus filmes sempre os abordo de xeito
tradicional, como dicía.

CRÓNICA CINERGIES
O 1 e o 2 de xuño foi o terceiro encontro “Cinergies” que xunta cineastas
cataláns cos doutros territorios. Antes foron Lisandro Alonso-Albert Serra e
Naomi Kawase-Isaki Lacuesta. Para o caso, fáiselles unha encomenda aos
directores, que presentan un filme anterior e un traballo en estrea para o evento.
Wang Bing amosou Val feliz (Xi Yang Tang) e Jaime Rosales T4-Barajas Porta J50.
Bing, que non subtitulou a súa copia (“eu tampouco entendía nada do que escoitaba”),
viaxou a un altiplano de Yunnan para tomar notas coa súa cámara da vida duns
cativos na pobreza extrema (“vía neles algún dos meus irmáns, na miña infancia”).
Rosales, porén, chantou a cámara na zona da ponte aérea do aeroporto de
Madrid, para armar un plano secuencia que recolle imaxe e son por separado:
a imaxe capta os rostros da xente que espera e vira 360 graos aos poucos,
mentres a sonidista recolle por libre o son doutras zonas do aeroporto até
que o plano remata.
He Fengmin, o filme de 2007 que Wang Bing presentou nestas xornadas, ponnos
nun cinema que vén dende o Numéro zéro (1971) de Jean Eustache, de Lanzmann,
do East of Paradise (2006) de Lech Kowalski. Trátase de concentrar no filme
os recordos que esperta a fala mediante, como se referiu Wang Bing, “o cambio
de soporte”.
A protagonista, unha muller de idade, enfronta á cámara de Bing os seus
recordos de cando xornalista en China e os efectos que tiveron nela as
acusacións de “dereitosa” durante a Revolución Cultural.
Canda He Fengmin, proxectouse Palabras dunha revolución (1998) unha
curta sen acabar da etapa de estudante en Cuba de Rosales. En vídeo
desgastado, sucédense durante dez minutos murais e pintadas na Habana
de hai once anos. Rosales pediulle ao filme que sirva “para volver pensar
esa época en Cuba”.

Ramiro Ledo Cordeiro
Intérprete: Li hong
Foto: Tomás Montes

 

descarga o pdf

back